Agencia española de protección de datos

Europa

No ámbito europeo a protección de datos está configurada como un dereito fundamental dos cidadáns. A principal norma na materia é a Directiva 95/46 da Unión Europea. Pero con anterioridade, xa en 1981, o Consello de Europa adoptara o Convenio nº 108, sobre a protección das persoas, que é o único instrumento internacional vinculante sobre protección de datos.

Ambos os textos están a ser obxecto de procesos de revisión dirixidos a actualizalos para ter en conta as consecuencias dos desenvolvementos tecnolóxicos, a globalización dos intercambios de datos e, no caso da Directiva, as modificacións legais e institucionais que supuxo a entrada en vigor en 2009 do Tratado de Lisboa.

A Comisión presentou en xaneiro de 2012 dúas propostas de novos actos normativos. Un Regulamento Xeral de Protección de Datos e unha Directiva de protección de datos en materia de cooperación policial e xudicial . Ambos os textos están a tramitarse no procedemento lexislativo ordinario, con participación do Consello e o Parlamento Europeo.

O Convenio comezou a súa reforma en marzo de 2010, a partir dunha decisión do Comité de Ministros do Consello de Europa. O Comité Consultivo do Convenio elaborou unha proposta técnica que está a ser obxecto de discusión a nivel político, no seo dun Grupo Ad hoc.

A posición destacada da protección de datos en Europa, reflectida na súa consideración como dereito fundamental e na existencia de numerosas normas que a regulan tanto de forma xeral como en sectores específicos, ten tamén o seu correlato na diversidade e importancia dos organismos, estruturas e grupos de cooperación.